Estatutos da Asociación. Versión en Galego.

4 Nov

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN CULTURAL [sen marco]

TÍTULO I. DENOMINACIÓN E RÉXIME DA ASOCIACIÓN

Artigo 1.

Denominación e Réxime

1. Ao abeiro do artigo 22 da Constitución Española constitúese con sede en Teo, e coa denominación de Asociación Cultural [sen marco] -en abreviatura [sen marco]- esta Asociación que terá, conforme ás Leis, capacidade xurídica e plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro.

2. O réxime da Asociación está constituído polos presentes estatutos e os acordos validamente adoptados pola súa Asemblea Xeral e órganos directivos, dentro da esfera da súa respectiva competencia. No non previsto estarase suxeito ao establecido na Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación.

TÍTULO II. FINS E ACTIVIDADES DA ASOCIACIÓN

Artigo 2.

Fins e Actividades

1. Son fins desta Asociación:

a) Reunir dentro dunha forma xurídica común a un colectivo de profesionais do mundo da arte co obxectivo de que, mediante esta Asociación, sexan representados/ás fronte a calquera institución, pública ou privada, e en especial ante as Administracións da Comunidade Autónoma, Deputacións e Concellos, co obxecto de defender os intereses comúns.
b) Promover a Arte e os Procesos de Creación e Investigación Artística Contemporáneas, empleando un concepto de pluralidade e interdisciplinariedade e buscando, ente outros obxectivos, democratizar e achegar á sociedade a cultura artística contemporánea.
c) Colaborar con outras asociacións e profesionais dos ámbitos da Arte e a Cultura para alcanzar obxectivos comúns.

2. Actividades. Para o cumprimento destes obxectivos, a Asociación deseñará, desenvolverá e colaborará con iniciativas, proxectos, actividades e publicacións de carácter artístico, cultural, social e/ou de formación, que serán dirixidos tanto aos seus asociados/ás coma á sociedade en xeral.

3. Os beneficios obtidos pola asociación, derivados do exercicio de actividades económicas, incluídas as prestacións de servizos, deberán destinarse, exclusivamente, ao cumprimento dos seus fins, sen que caiba en ningún caso a súa repartición entre os asociados/ás nin entre os seus cónxuxes ou persoas que convivan con aqueles/as con análoga relación de afectividade, nin entre os seus parentes, nin a súa cesión gratuíta a persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

TÍTULO III. DOMICILIO E ÁMBITO TERRITORIAL

Artigo 3.

Domicilio.

Esta Asociación terá o seu domicilio social en lugar de Adrán nº21, Calo, 15866 Teo, sendo a súa dirección postal esta.
O domicilio da Asociación pode ser trasladado por acordo da Xunta Directiva, tomado por maioría absoluta dos seus membros presentes, sempre que asistan a dita reunión a metade máis un dos seus membros. Dito acordo debe ser posteriormente ratificado en Asemblea Xeral Extraordinaria, e o seu acordo tomado por maioría cualificada.

Artigo 4.

Ámbito Territorial.

O ámbito territorial de acción da Asociación é autonómico, estendéndose a toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO IV. ÓRGANOS DE GOBERNO E REPRESENTACIÓN

CAPÍTULO I.

CLASES E DENOMINACIÓN

Artigo 5.

Clases e principios

1. Os órganos de goberno e representación da Asociación son:

a) A Asemblea Xeral.
b) A Xunta Directiva.

2. A organización interna e funcionamento da asociación deberá ser democrática, con pleno respecto ao pluralismo.

CAPÍTULO II. ASEMBLEA XERAL

Artigo 6.

Composición.

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da Asociación e está integrada por todas as persoas asociadas.

Artigo 7.

Clases de Sesións.

As reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias e extraordinarias. A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente polo menos unha vez ao ano, dentro dos catro meses seguintes ao peche do exercicio. As Asembleas Xerais Extraordinarias celebraranse cando as circunstancias o aconsellen, a xuízo do Presidente, cando a Directiva o acorde ou cando o propoña por escrito unha décima parte dos asociados/ás.

Artigo 8.

Convocatoria.

As convocatorias das Asembleas Xerais realizaranse por escrito expresando o lugar, día e hora da reunión, así como a orde do día con expresión concreta dos asuntos a tratar. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da Asemblea en primeira convocatoria haberán de mediar polo menos quince días, podendo así mesmo facerse constar se procedese a data e hora en que se reunirá a Asemblea en segunda convocatoria, sen que entre unha e outra poida mediar un prazo inferior a media hora.

Artigo 9.

Quórum de asistencia e votacións

1. As Asembleas Xerais, tanto ordinarias coma extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela un terzo dos asociados con dereito a voto, e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asociados con dereito a voto. Será necesaria en todo caso a presenza do Presidente/a e Secretario/a, ou das persoas que legalmente os substitúan.

2. Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables para estes efectos os votos en branco nin as abstencións. Será necesario maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade destas, para: Nomeamento das Xuntas Directivas e Administradores. Acordo para constituír unha Federación de Asociacións ou integrarse nelas. Disposición ou alienación de bens integrantes do inmobilizado. Modificación de estatutos. Disolución da entidade. Acordo sobre remuneración dos membros dos órganos de representación.

Artigo 10.

Competencias

1. Son competencia da Asemblea Xeral Ordinaria os asuntos seguintes:

a) Aprobar, se é o caso, a xestión da Xunta Directiva.
b) Examinar e aprobar as contas anuais.
c) Resolver sobre a aprobación do inventario anual de bens mobles e inmobles cuxa valoración detallada será realizada polo membro da Xunta Directiva previamente designado por esta última.
d) Aprobar ou rexeitar as propostas das Xuntas Directivas en orde ás actividades da Asociación.
e) Acordar os gastos que teñan que atenderse con cotas extraordinarias e o seu establecemento, así como os das cotas ordinarias, fixar a contía destas e a súa periodicidade.
f) Calquera outra que non sexa da competencia exclusiva da Asemblea Extraordinaria.

2. Corresponde á Asemblea Xeral Extraordinaria:

a) Nomeamento e revogación dos membros da Xunta Directiva.
b) Modificación dos Estatutos.
c) Disolución da Asociación e, no seu caso, nomeamento de liquidadores.
d) Expulsión de socios/ás, por proposta da Xunta Directiva.
e) Constitución de Federacións ou integración nelas.
f) Solicitude de declaración de utilidade pública.

Artigo 11.

Obrigatoriedade dos acordos.

Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán as persoas asociadas, mesmo ás non asistentes, levándose a un libro de actas que asinará o/a Presidente/a e o/a Secretario/a. Poderán causar baixa:

a) Por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva.
b) Por incumprimento das obrigas que tiveran encomendadas.
c) Por expiración do mandato.

CAPÍTULO III. XUNTA DIRECTIVA

Artigo 12.

Composición.

A Xunta Directiva estará composta por tres membros como mínimo e dezaseis como máximo. Para ser elixido membro desta requirirase a condición de socio/a de número da Asociación e estar ao corrente no pagamento das cotas.

Artigo 13.

Elección de cargos.

Os compoñentes da Xunta Directiva serán elixidos pola Asemblea Xeral. A duración dos cargos da Xunta Directiva é de dous anos podendo presentarse á reelección cantas veces consideren oportuno, excepción feita do/da Presidente/a e o/a Vicepresidente/a, que só poderán manterse no seu cargo un máximo de dez anos. Se se produce a baixa dun ou varios membros da Xunta Directiva antes da expiración do seu mandato, a propia Xunta, por proposta de calquera dos seus membros, poderá designar os substitutos que cumpran todos os requisitos estatutarios para ser elixibles. A devandita designación deberá someterse ao referendo da primeira Asemblea Xeral Ordinaria que se celebre, adquirindo dende ese momento a condición de electos. Se se produce a dimisión ou cesamento simultáneo de, polo menos, a metade máis un dos membros electos da Xunta Directiva, esta, non podendo abandonar as súas funcións, constituirase en Xunta Xestora, e terá como misión primordial convocar no menor prazo posible Asemblea Xeral para a elección dunha nova Xunta Directiva. Tamén se procederá de igual xeito se no período comprendido entre dúas Asembleas Xerais Ordinarias se producise a dimisión ou cesamento sucesivo de igual número de membros da Xunta Directiva. A convocatoria de Asemblea Xeral na que haxa de elixirse nova Xunta Directiva farase cunha antelación mínima de trinta días, respecto da data de celebración desta, fixándose un prazo de quince días, a contar dende a data de publicación da convocatoria, para a presentación de candidaturas, que deberá efectuarse por escrito na Secretaría da Asociación. En caso de que non se presente ningunha candidatura en lista pechada, a Asemblea Xeral poderá elixir aquelas persoas que individualmente queiran formar a Xunta Directiva. Se o número de persoas que se presentan é menor ou igual a dezaseis, todas elas serán consideradas electas. Se pola contra o número destas persoas é superior a dezaseis procederase a realizar unha votación polos asistentes á Asemblea Xeral. No caso de que non puidese alcanzarse este número de membros da Xunta Directiva por producirse un empate entre os candidatos menos votados, será proclamado electo aquel ou aqueles que gocen de maior antigüidade na Asociación e se persiste o empate, o de maior idade.

Artigo 14.

Cesamento dos cargos.

Os cargos anteriormente citados do órgano de goberno cesarán na súa función por:

– Falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
– Renuncia voluntaria.
– Finalización do prazo para o que foron elixidos/as.
– Acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva reunida en Asemblea Xeral extraordinaria convocada para tal efecto.

A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar o cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ó día do sucesor.

As vacantes que se puideran producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva, serán cubertas provisionalmente entre os ditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral.

Artigo 15.

Sesións.

A Xunta Directiva celebrará sesión cando o determine o/a Presidente/a, por iniciativa propia ou a petición da terceira parte dos seus membros. Quedará constituída cando asista a metade máis un dos seus membros e para que os seus acordos sexan válidos deberán ser tomados por maioría de votos. En caso de empate, o voto do/da Presidente/a será de calidade. Cando a Xunta Directiva o considere procedente pola índole da materia a tratar na sesión, poderán ser invitados a tomar parte nas súas deliberacións como asesores cualificados, pero sen voto, profesionais ou especialistas para clarificar asuntos concretos que figuren na orde do día. Das sesións levantará acta o/a Secretario/a, co visto e prace do/da Presidente/a e da Asemblea Xeral, e reflectiraa no libro de actas.

Artigo 16.

Funcións e Competencias

Son competencias da Xunta Directiva:

a) Adoptar acordos relativos á representación, xestión e defensa dos intereses da Asociación e os seus asociados/ás.
b) Aprobar os programas e plans de actuación.
c) Elixir e revogar o mandato dos membros da Comisión Executiva e da Presidencia da Asociación.
d) Aprobar a creación de Comisións Territoriais.
e) Coñecer a xestión da Comisión Executiva.
f) Fixar as cotas das persoas asociadas conforme ás propostas elaboradas pola Comisión Executiva.
g) Aprobar os presupostos e os estados de contas.
h) Aprobar e reformar os estatutos.
i) Acordar a disolución da Asociación.
j) Coñecer e resolver as reclamacións e recursos formulados polos/as asociados/ás.

Artigo 17.

Presidenta/e.Competencias

O/a Presidente/a da Xunta Directiva serao á súa vez da Asociación. Como tal, constitúe o seu ámbito de competencias:

a) Representar legal e oficialmente á Asociación, podendo designar mesmo avogado e procurador.
b) Asinar os documentos da Asociación, podendo delegar esta facultade noutros membros da Xunta ou das súas comisións, en casos específicos.
c) Convocar e dirixir a Asemblea Xeral.
d) Convocar e dirixir os debates da Xunta Directiva, decidindo en caso de empate co seu voto de calidade.
e) Resolver toda cuestión urxente e necesaria para a boa marcha da Asociación, dando despois conta á Xunta Directiva.
f) Autorizar coa súa firma as actas, certificacións e documentos da Asociación.
g) Dirixir os servizos e funcións da Asociación.

Artigo 18.

Vicepresidente/e. Competencias

O/a Vicepresidente/a substituirá ao/á Presidente/a en caso de ausencia ou enfermidade deste/a último/a. Por delegación, exercerá as funcións que o/a Presidente/a lle encomende e presidirá as sesións ou comisións que determine a Xunta Directiva.

Artigo 19.

Secretario/a. Competencias

O/a Secretario/a terá ao seu cargo o arquivo e custodia dos documentos da Asociación. Levará o Libro Rexistro de Socios/ás, redactará as actas e, en colaboración co resto de membros da Xunta Directiva, elaborará a Memoria Anual; estenderá e cursará as convocatorias, será responsable do funcionamento administrativo da Asociación e, en xeral, do seu réxime interior.

Artigo 20.

Tesoureiro/a. Competencias

O/a Tesoureiro/a terá baixo a súa custodia os fondos e valores da Asociación, intervirá coa súa firma todos os documentos de cobramento e pagamento coa conformidade do/da Presidente/a; levará os libros de ingresos e gastos, así como os de contas bancarias; redactará os presupostos, estados de contas e balances; ordenará o cobramento de cotas e, en xeral, encargarase do funcionamento económico, contable e fiscal da Asociación, que levará sempre ao día e o terá a disposición dos Censores de Contas; levará os libros oficiais de contabilidade e os auxiliares necesarios.

Artigo 21.

Vogais. Competencias.

Os e os Vogais integrarán e serán responsables das comisións para as que se lles designe. En ausencia do/da Presidente/a e do/da Vicepresidente/a, a Xunta Directiva designará presidente/a da sesión ao vogal de maior antigüidade na Xunta Directiva. A igualdade desta, ao de maior antigüidade na Asociación e se persiste a igualdade, ao de maior idade.

Artigo 22.

Comisións Territoriais.

Nos ámbitos xeográficos nos cales haxa un mínimo de quince afiliados/ás á asociación poderase constituír unha Comisión Territorial que terá como misión traballar no cumprimento dos obxectivos da Asociación. Cada Comisión Territorial escollerá un Secretario que a representará publicamente e integrarase como membro de pleno dereito na Xunta Directiva. A comisión Territorial e o seu secretario serán escollidos pola Asemblea Territorial. Un regulamento específico establecerá o funcionamento das Asembleas Territoriais e o sistema de elección dos Secretarios territoriais. A constitución dunha comisión Territorial será proposta á Xunta Directiva que formulará a súa aprobación ante a Asemblea Xeral.

TITULO V. DAS PERSOAS ASOCIADAS.

Artigo 23.

Persoas asociadas

Poden ser socios/as de [sen marco] as persoas físicas ou xurídicas que, tendo capacidade de obrar, demostren o seu interese polos fins da Asociación e o soliciten por escrito dirixido á Xunta Directiva, no que conste a manifestación de vontade de asociarse, unida ao acatamento destes Estatutos, e das disposicións polas que se rexa en cada momento, concretando a condición de socio/a que desexe adquirirse, mediante a presentación da documentación acreditativa necesaria se fose preciso. Para todos os efectos, non se adquirirá a condición de socio/a en tanto non se satisfagan as cotas na contía e forma establecidas pola Xunta Directiva en aplicación do acordado pola Asemblea Xeral.

Artigo 24.

Tipos de socio/a e tarifas.

Dentro da Asociación existirán CATRO tipos de socio/a, cada un con diferente tarifa anual:

– Socio/a de número. Cunha cota fixa de 20€ ao ano. Poderán ser socios/as de número calquer profesional ou investigador que desenvolva a súa labor dentro do ámbito da arte contemporánea, e queira, coa súa cota, participar ou apoiar ó espírito común da Asociación.
– Socio/a colaborador/a. Por aportacións a partir de 50€ ao ano. Poderán ser socios colaboradores calquera persoa física ou xurídica, entidade pública ou privada que, aínda sen ter relación directa coa arte contemporánea queira, coa súa cuota, participar ou apoiar ó espírito da Asociación, así como participar ou asistir regularmente ás actividades da mesma.
– Socio/a benfeitor/a. Por donacións a partir de 1.000€ ao ano ou donacións puntuales dun mínimo de 10.000€. Persoas físicas ou xurídicas, entidades públicas ou privadas que contribúan economicamente á marcha da Asociación de forma significativa, tanto para o seu desenvolvemento xeral, como para o desenvolvemento dos proxecto específicos da mesma.
-Socio/a honorífico/a. Os que polo seu prestixio, ou por contribuír de modo relevante á dignificación e desenvolvemento da Asociación, se fagan acredores de tal distinción. O nomeamento de socios/ás de honra corresponderá á Asemblea Xeral.

Artigo 25.

Dereitos das persoas asociadas

1. Dereitos dos socios e as socias de número:

a) Asistir persoalmente ás Asemblea Xenerais con voz e voto, sempre que estean ao corrente no pagamento das cotas.
b) Presentar ás Asembleas Xerais as propostas que crean convenientes, de acordo co procedemento que se estableza.
c) Efectuar reclamacións á Xunta Directiva e impugnar os acordos dos órgano da Asociación que estime contrarios á lei ou aos Estatutos.
d) Ser informado acerca da composición dos órganos de goberno e representación da Asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
e) Participar como electores e candidatos nas eleccións para cubrir postos na Xunta Directiva, así como en calquera dos órganos de goberno e representación da Asociación, sempre que cumpran os requisitos que se establezan.
f) Participar nas actividades da Asociación.
g) Contribuír ao desenvolvemento e perfeccionamento da Asociación.

2. Dereitos das persoas asociadas en calidade de colaboradoras, benfeitoras e de honra:

a) Asistir persoalmente ás Asemblea Xenerais con voz pero sen voto.
b) Presentar ás Asembleas Xerais as propostas que crean convenientes, de acordo co procedemento que se estableza.
c) Ser informado acerca da composición dos órganos de goberno e representación da Asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
d) Participar nas actividades da Asociación.
e) Contribuír ao desenvolvemento e perfeccionamento da Asociación.

Artigo 26.

Deberes das persoas asociadas

1. Deberes dos socios e as socias de número:

a) Satisfacer as cotas ordinarias e extraordinarias acordadas pola Asemblea Xeral.
b) Cumprir os preceptos dos Estatutos e os dos Regulamentos aprobados pola Asemblea Xeral.
c) Cumprir os acordos da Asemblea Xeral.
d) Cumprir as decisións da Xunta Directiva, sen prexuízo de recorrer despois á Asemblea Xeral en caso de desconformidade con tales decisións, de acordo co procedemento previsto.
e) Contribuír co seu comportamento ao bo nome e prestixio da Asociación.

2. Deberes das persoas asociadas en calidade de colaboradoras, benfeitoras e de honra:

a) Satisfacer soamente as cotas acordadas coa asociación.
b) Cumprir os preceptos dos Estatutos e os dos Regulamentos aprobados pola Asemblea Xeral.
c) Cumprir os acordos da Asemblea Xeral.
d) Cumprir as decisións da xunta Directiva, sen prexuízo de recorrer despois á Asemblea Xeral en caso de desconformidade con tales decisións, de acordo co procedemento previsto.
e) Contribuír co seu comportamento ao bo nome e prestixio da Asociación.

Artigo 27.

Perda da condición de socio/a.

Poderase perder a condición de socio/a polos seguintes motivos:

a) Incumprimento das obrigas establecidas nos estatutos ou dos acordos adoptados pola Asemblea Xeral.
b) Conduta contraria á boa convivencia e aos fins da asociación.
c) Renuncia voluntaria, comunicada por escrito á Xunta directiva cunha antelación mínima dun mes.
d) Por atraso superior a noventa días naturais no pagamento das cotas de socio/a acordadas. Se a Xunta directiva propuxese sancionar a algún socio/a, propoñerao á Asemblea Xeral para a súa aprobación. As sancións poden comprender dende a suspensión temporal dos seus dereitos á expulsión.

TITULO VI. RÉXIME ECONÓMICO E PATRIMONIAL.

Artigo 28.

Patrimonio.

A Asociación carece de patrimonio fundacional ou fondo social inicial.

Artigo 29.

Peche do exercicio

O exercicio asociativo e económico será anual e o seu peche terá lugar o 31 de decembro de cada ano.

Artigo 30.

Ingresos

Os recursos da Asociación están constituídos por:

a) As cotas (ordinarias e extraordinarias) dos socios/ás.

b) Os donativos ou achegas que reciba.

c) As herdanzas ou legados que puidese recibir de forma legal por parte das persoas asociadas ou de terceiras persoas.

d) As subvencións, axudas e auxilios que reciba da Administración estatal, rexional, provincial ou municipal, así como as que a conceden outras institucións de carácter privado (fundacións, outras asociacións, etc.).

e) Calquera outro recurso lícito.

Artigo 31.

Cotas.

As cotas ordinarias ou extraordinarias estableceranse pola Asemblea Xeral, por proposta da Xunta Directiva, e non son reintegrables en caso ningún. Para a admisión de novos socios/ás, poderá ser fixada pola Asemblea Xeral, como achega inicial, non reintegrable, unha cota de admisión.

Artigo 32.
Obrigas documentais e contables.

A Asociación ha de dispoñer dunha relación actualizada dos seus asociados/ás, levar unha contabilidade que permita obter a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da entidade, así como as actividades realizadas, efectuar un inventario dos seus bens e recoller nun libro as actas das reunións dos seus órganos de goberno e representación. Deberán levar a súa contabilidade conforme ás normas específicas que lles resulten de aplicación. As contas da Asociación aprobaranse anualmente pola Asemblea Xeral.

TITULO VII. DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN DA ASOCIACIÓN.

Artigo 33.

Disolución.

A Asociación disolverase:

a) Voluntariamente cando así o acorde a Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ao efecto, por un número de asociados/ás non inferior ao 10%. O acordo sobre a disolución requirirá maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade.

b) Polas causas determinadas no artigo 39 do Código Civil.

c) Por sentenza xudicial firme.

Artigo 34.

Liquidación.

En caso de disolución, a Asemblea nomeará unha comisión liquidadora a cal, unha vez extinguidas as débedas, e se existise sobrante líquido destinarao para fins que non desvirtúen a súa natureza non lucrativa.

TITULO VIII. REFORMA DOS ESTATUTOS.

Artigo 35.

Reforma dos Estatutos.

As modificacións dos presentes Estatutos será de competencia da Asemblea Xeral Extraordinaria, adoptándose o acordo por maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade. As modificacións que se realicen comunicaranse ao Rexistro correspondente.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos se aplicará a vixente Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, e as Disposicións Complementarias.

En Santiago de Compostela, a 23 de Novembro de 2010.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: